- Concello
- O Municipio
- Que visitar
- Servicios ao cidadá
- Enlaces
- Actas de Goberno
- Contas Municipais
- Convenios
- SUBVENCIÓNS
<- voltar
Son de Muller
“SON DE MULLER” Un silencio por romper.
O Concello de Palas de Rei, a través dos seus medios dixitais, emitirá desde o martes 16 ata o Xoves 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero o Filme Documental “SON DE MULLER”, que consta de nove capítulos, emitíndose un por día, unha actividade da Campaña “Palas de Rei dille non a violencia de xénero. Non máis violencia contra as Mulleres”, organizada polo Centro de Información á Muller.
“SON DE MULLER” Un silencio por romper.
A vida das mulleres, onte e hoxe, está chea de silencios e multitude de preguntas que interpelan á persoa socialmente concibida e á comunidade no seu conxunto, adormecen no fondo dunha desigualdade na que, polo regular, nos criamos e que cómpre evidenciar para que o camiño nos leve á superación.
A través de pequenas historias, vivencias e xestos, SON DE MULLER penetra nese mundo onde a existencia e a esencia feminina se viu e se ve cortada por actitudes de descualificación ou dominio por parte do home; afonda no inconcibible, nesa parte da razón que menos razoa, onde o sentido común esmorece. Roles e estereotipos son postos ao descuberto nunha áxil perspectiva, basta ver e escoitar.
SON DE MULLER pretende amosar respecto e transparencia á condición feminina e enxergar canles de superación das múltiples taras e desigualdades que subsisten, mesmo inconscientemente polo arraigo social e educativo que de longo tempo presentan.
As palabras e as escenas pasan con toda intención abrindo a nosa consciencia. Case sen darnos conta ata que baixamos á realidade, esnaquizan o pensamento asentado e descóbrennos pequenos sucesos que talvez viramos cada pouco, coñeciámolos, mais nunca entraran, ou non o suficiente, de xeito crítico en nós:
➢ En MOCEO lémbrannos que o noivado non era o mesmo se eras mozo ou moza, á muller non lle era dado petar na porta do home, só se lle permitía agardar.
➢ Descóbrennos en E ESCACHOU a rebelión e o xenio ante o servizo debido aos homes sen máis en circunstancias semellantes de cansazo e no día a día.
➢ A rebelión tamén aparece ante a pretensión de dominio que un mozo na actualidade intenta exercer sobre a noiva en CALADAMENTE BOTA A ANDAR, agravado pola vitimización e o dereito que cre ter baseado no suposto querer.
➢ O convencemento de que unha nena da aldea gaña e mellora indo a servir a unha casa da vila, toda unha vida de servizo que na vellez se ve illada e fóra da sociedade en SERVIR.
➢ A violencia física e psicolóxica, el fai vida fóra do matrimonio, a ela só se lle permite se o consente ir do brazo del, se non, un paso atrás; mais a muller, á fin, déixao camiñar en soidade, UN PUNTO NEGRO CON SOMBREIRO.
➢ UN RECREO PARA AS RAPAZAS achéganos de novo á sociedade actual, aínda hai lugares e circunstancias nos que abrolla a disparidade e espazos nos que as rapazas son apartadas, ou desprezadas pola súa condición; así mesmo engádese o control sentimental axudado polas redes sociais.
➢ A opinión da muller á hora de casar non sempre era oída nin respectada, arranxaban o casamento as familias e colocábaas o pai como mellor lle parecía, SEN NOME.
➢ O casamento era para a vida. As necesidades das mulleres pouco eran tidas en conta, si as do home, mais había que consumar. A ela quedáballe a moi improbable nulidade. TEMPO PERDIDO.
➢ Con todo, tamén había vidas moi ben levadas en parella e en familia. A falta dela provocaba un enorme oco que revertía en cada momento e xesto, sempre con agradecemento por parte del, con amor; e rapazas que se volvían nais dos irmáns. UN OCO A REVERTER.
CABECEIRA
CAPÍTULO I.- MOCEO; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO II.- E ESCACHOU; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO III.- SERVIR; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO IV.- CALADAMENTE BOTA A ANDAR; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO V.- UN PUNTO NEGRO CON SOMBREIRO; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO VI.- UN RECREO PARA AS RAPAZAS; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO VII.- SEN NOME; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO VIII.- TEMPO PERDIDO; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.
CAPÍTULO FINAL.- UN OCO A REVERTER; de “SON DE MULLER” Un silencio por romper.